miércoles, 18 de febrero de 2026

Día III da formación en Florencia

Aprender, experimentar e reflexionar foron os tres eixos principais da xornada de hoxe nos cursos que estamos a realizar en Florencia.

No curso de educación especial, comezamos cunha dinámica compartida con outro grupo doutro curso, o que nos permitiu intercambiar impresións e coñecer novas perspectivas. A continuación, realizamos unha actividade práctica moi interesante: debuxamos a distribución do alumnado nunha das nosas aulas e analizamos como a organización do espazo inflúe na aprendizaxe e no benestar, especialmente no caso do alumnado con necesidades educativas especiais. Posteriormente, expuxemos as nosas reflexións ao grupo.

Tamén tivemos unha parte teórica na que afondamos en dificultades específicas como a dislexia, a dispraxia, a dispraxia verbal e a discalculia. A partir desta base, puxemos en común diferentes estratexias que empregamos nos nosos centros para dar resposta a estas necesidades. A sesión rematou con dinámicas de empatía moi significativas: intentar copiar a sinatura doutra persoa coa man dominante e coa non dominante, ou escribir unha frase coa man que non utilizamos habitualmente para que outra persoa a lese. Estas actividades axudáronnos a comprender mellor as dificultades que pode experimentar o alumnado. Ademais, coñecemos o método ALC utilizado en Italia. Foi unha experiencia formativa moi enriquecedora e tamén divertida.





No curso de intelixencia artificial, iniciamos a sesión cun debate sobre a posible perda de habilidades e a dependencia que pode xerar o uso continuado da IA. Posteriormente, participamos nun obradoiro de escritura de prompts, empregando ChatGPT como titor para guiar novas aprendizaxes ou revisar contidos xa traballados. Tamén elaboramos un metaprompt propio para poder reutilizalo en diferentes contextos educativos. Ademais, exploramos ferramentas como MagicSchool AI, Canva e SimpleShow, analizando as súas posibilidades didácticas.







Fóra das sesións formativas, continuamos aproveitando a riqueza cultural da cidade, visitando a Galleria degli Uffizi e desfrutando do ambiente dunha das bibliotecas máis fermosas de Florencia, onde incluso é posible asistir a proxeccións de cine nun espazo único.






No hay comentarios:

Publicar un comentario