viernes, 20 de febrero de 2026

Fin da formación en Florencia

O venres puxo o broche final a unha semana intensa de aprendizaxe e convivencia nos cursos que estivemos a realizar.

No curso de necesidades educativas especiais, comezamos a xornada cunha actividade de motivación compartida con dous grupos doutros cursos, que nos axudou a espertar, activarnos e crear un ambiente distendido. A continuación, presentamos as actividades que deseñáramos o día anterior e realizamos unha posta en común na que analizamos fortalezas e aspectos de mellora. Un dos retos máis comentados foi como implicar ás familias e aumentar a súa cooperación como membros da comunidade educativa sen que iso supoña a súa presenza directa dentro da aula. Reflexionamos sobre as dificultades actuais derivadas do ritmo de vida e das obrigas laborais, que ás veces fan complexa esta colaboración, pero tamén sobre a importancia de seguir buscando vías de participación realistas e flexibles.

A sesión rematou cun momento moi especial: tomamos un café nunha biblioteca pública próxima á academia e realizamos un feedback a través das cartas Dixit. Cada persoa escolleu unha imaxe coa que se sentía identificada e explicou o motivo, xerando unha reflexión emocional e simbólica sobre a experiencia vivida. Todo isto acompañado polas vistas da Basílica de Santa María Novella, que crearon un ambiente único para pechar o curso.




No curso de intelixencia artificial, traballamos arredor de cuestións moi actuais como a prevención das copias en tarefas e exames e o debate sobre o uso da IA, que polo momento non se considera plaxio pero require un uso responsable e transparente. Tamén analizamos as consecuencias medioambientais derivadas do desenvolvemento destas tecnoloxías, especialmente o elevado consumo de auga asociado ao funcionamento dos centros de datos. Ademais, coñecemos a extensión de Google Brisk Teaching e elaboramos un mapa mental colaborativo co fin de sintetizar todo o aprendido ao longo do curso.





Para pechar a experiencia formativa, recibimos os diplomas e dedicamos a tarde a unha visita cultural a Siena. Aínda que Florencia leva gran parte do protagonismo, esta pequena cidade sorprende polo seu encanto, a súa historia e o seu ambiente, converténdose nun final perfecto para unha semana Erasmus inesquecible.


 


No hay comentarios:

Publicar un comentario